Thursday 16 de May de 2024

O Concello e a ARMH continúan a colocación dos ‘stolpersteine’, coa lembranza a Juan González del Valle na rúa Padre Feijóo


O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presidiu o acto de colocación da sétima peza do proxecto

O Concello da Coruña, da man da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARHM), continúa coa colocación dos ‘stolpersteine’ en recordo dos deportados coruñeses aos campos de concentración nazis durante a Segunda Guerra Mundial. O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presidiu o acto en lembranza de Juan González del Valle, na rúa Padre Feijóo, xunto con Carmen Rodeja, representante en Galicia da ARMH; e Isabel Ruso, directora do IES Eusebio da Guarda, entre outros.

No acto, ao que tamén asistiron familiares de Juan González del Valle, levouse a cabo a lectura da súa biografía da man de Lázaro Louzao así coma un poema por Maruxa Boquete. “Con este fermoso acto espertamos a consciencia para estar alerta e impedir que se perpetren de novo os horrores do pasado e do presente”, sinalou Gonzalo Castro. González del Valle foi profesor e intelectual republicano, asasinado no campo de exterminio de Harheim tal día como hoxe en 1941.

Castro reivindicou a posta en marcha da iniciativa para “facer xustiza” e a posta en valor da memoria de veciños coruñeses e coruñesas. “Este lastro é só unha pedra, si, pero unha pedra de memoria, un pequeno delampo de luz que nos permite enfiar o rumbo correcto na memoria”, explicou.

Coa colocación deste novo ‘stolpersteine’ xa son sete os localizados en diferentes puntos da cidade, sendo o primeiro concello en Galicia en lembrar ás vítimas do Holocausto con este proxecto.